Saturday 11 de May de 2024

O 150 aniversario da liña ferroviaria Cornes-Carril centra a XXXVI Semana Cultural de Conxo


Do 5 ao 9 de setembro volve a Semana cultural de Conxo, que neste 2023 chega á súa edición número 36 acompañada dun acontecemento especial: o 150 aniversario da posta en marcha da liña ferroviaria entre Cornes, no barrio de Conxo, e Carril, a primeira do ferrocarril galego.

A temática central da XXXVI Semana cultural de Conxo será o 150 aniversario da liña de ferrocarril Cornes-Carril, evento condutor de varias das actividades programadas. Por exemplo, a mesa redonda do día 5 ás 18.00 horas, que contará coa participación de Xoán Luis Miguéns García, médico ferroviario e escritor do libro ‘Historias do Carril-Cornes’, do Consorcio e da editora Sotelo Blanco e da veciñanza de Conxo. A continuación inaugurarase a exposición ‘A memoria do tren’ composta por 10 fotografias históricas e lembranzas do tren traídas da memoria oral das xentes de Conxo. Será ás 21.30 h.

Tamén se programaron unha serie de obradoiros arredor da temática ferroviaria: o martes 5 de serigrafía e gravado e o mércores 6 de creación de trens con Mbot e de ciencia; xogos de mesa de estratexia, o xoves ás 19.30 h; cine, coa proxección de ‘A todo tren’; unha ruta polo ‘camiño de ferro’ e incluso un xogo de pistas e misterio para resolver o ‘Asasinato na locomotora Sarita’.

O xoves 7 haberá unha visita guiada ao Verderón, o tren dos anos 30 unido á locomotora AICO serie 1808, sede da Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril de Santiago, cuxo interior acolle unha maqueta de modelismo ferroviaria de 6 metros de longo. Será preciso inscribirse con anterioridade.

A todas estas actividades sumaranse outras como unha ximcana ciclista, a actuación musical de Mallou, dentro do programa Terrazeando, xogos na praza, obradoiro de pintura ao aire libre, torneo de rápidas de xadrez, espectáculo de monicreques…

A semana pecha coa xa tradicional ‘Tarde na carballeira’ o sábado 9 con música e xogos para a cativada. En caso de choiva, realizarase no Centros Sociocultural Aurelio Aguirre.

Liña Cornes-Carril

O 15 de setembro de 1873 entraba en servizo a primeira liña férrea que se construíu e operou en Galicia, cunha lonxitude de 42 quilómetros, 25 anos despois da posta en funcionamento da primeira liña da península Ibérica. Unía a estación de Cornes, no termo municipal de Conxo (hoxe integrado no concello de Santiago de Compostela), e a estación de Carril, no termo municipal de Santiago de Carril (hoxe concello de Vilagarcía de Arousa).